|
Colaborar para innovar: as oportunidades do Fondo Tecnolóxico Europeo para Galicia |
|
//// Xoves, 10.09.09 |
Acto central do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación en Galicia.
Data: 16 de setembro de 2009 a partir das 9:30h.
Lugar: Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n. Santiago de Compostela.
A Consellería de Economía e Industria organiza esta xornada en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología. A asistencia é gratuíta, previa inscrición.
Esta xornada está enmarcada na celebración do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación, co obxectivo de estimular a participación galega nos programas estatais que xestionan o Fondo Tecnolóxico, a través da presentación aos axentes do Sistema Galego de Innovación dos instrumentos a través dos que poden optar a el, así como da exposición de proxectos galegos que xa foron aprobados.
O Programa Operativo I+D+i por e para o beneficio das Empresas – Fondo Tecnolóxico ten como obxectivo xestionar os 2.000 millóns de euros de fondos FEDER adicionais asignados ao Estado español para actividades de I+D+i. Na distribución entre autonomías deste fondo a Galicia correspóndenlle máis de 405 millóns de euros.
O Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) -Ministerio de Ciencia e Innovación- é un dos organismos que maior dotación deste fondo xestiona. Para elo, pon a disposición da industria catro instrumentos de apoio: os tradicionais proxectos individuais de I+D e as modalidades novas de proxectos integrados, proxectos de cooperación tecnolóxica entre PEMES e proxectos de cooperación interempresas nacional. Pola súa banda, a Xunta de Galicia subscribiu un acordo de colaboración con CDTI para estimular a participación galega nos programas de axuda estatais e internacionais e difundir a transferencia da tecnoloxía desenvolvida en Galicia.
A inauguración oficial do evento correrá por parte do Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández , e o Director Xeral do CDTI, Maurici Lucena Betriu. Despois abordarase unha sesión centrada no financiamento e instrumentos para a competitividade, a cargo do Director Xeral de I+D+i, Ricardo Capilla Pueyo, e o Director de Tecnoloxía do CDTI, Andrés Zabara. A continuación procederase á presentación de proxectos galegos financiados polo Fondo Tecnolóxico nunha mesa moderada polo presidente da Rede de Plataformas NEURONA, Antonio Rodríguez del Corral, e desenvolveranse outras actividades nas que se abordará o papel dos organismos de intermediación na promoción da creatividade como factor de impulso á innovación. Neste caso realizarase unha especial alusión ao proxecto “Disonancias”, recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas neste ámbito.
Para máis información visitar esta ligazón. |